jueves, 17 de enero de 2008

I. ¿CÓMO ERA O CASTELO DE OUTES?

A primeira descripción documentada que consultei, para saber cómo era o Castelo de Outes, atópase na pregunta 25ª do interrogatorio presentado polo Dr. Pedro de Cisneros, no proceso coñecido como “Testimonio de probanza sobre el estado y reedificación de las fortalezas de la Dignidad Arzobispal. 1526” e “Probanzas, tasas periciales y concordia entre el prelado Sr. Tabera y su antecesor, Sr. Fonseca, sobre reparación de dichas fortalezas 1526” Está contido en dous legaxos que se corresponden cos números 46 e 47 do Arquivo Diocesán de Santiago. Estes documentos, recollidos en dous tomos e publicados co título de “Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños” por D. A. Rodríguez González, tamén se coñecen como “Pleito Tabera-Fonseca”.

Os feitos que levaron á celebración deste xuizo aconteceron da seguinte maneira: o 26 de abril de 1524 tomou posesión da sé toledá D. Alonso de Fonseca e Ulloa, coñecido tamén, coma Fonseca III, deixando vacante a de Santiago, que a ocupou o 12 de outubro dese mesmo ano, D. Xoán Tabera. Durante esta vacante, o Cabildo, o 9 de maio dese ano elexiu como vicarios capitulares ó chantre D. Xoán de Melgarejo e ó coengo D. Xoaquín Auñón. Dous días despois o Cabildo facultou ó bispo de Trípoli, D. Pedro de Soto, para que exercera pontificais en toda a arquidócese. Por eses mesmos días o Cabildo tamén nomeou alcaides das fortalezas e vicarios, ós que lles tomou xuramento. Así, o 9 de maio, Xoán López de Cangas, que fora auguacil do arcebispo D. Alonso, presentou a vara no Cabildo e xurou desempeñar ben e lealmente o seu oficio, polo que se lle asignou un salario de mil cincocentos maravedís mensuais. No mesmo Cabildo que nomearon vicarios metropolitanos na audiencia de Salamanca ós licenciados Figueroa e Mohedano tomóuselle xuramento a Arias Pardo, como alcaide da fortaleza da Barreira; a Álvaro Xuárez de Deza, como alcaide do castelo do Castro de Montes; a Gregorio de Valadares, como alcaide da fortaleza de Lobeira; a Fernán Díaz de Ribadeneira, como alcaide de Mesía; a Rodrigo Fernández Noguerol, como alcaide da fortaleza de Rodeiro; a Lope de Montenegro, como meiriño e xustiza maior da vila de Pontevedra; a Gómez Ares Mosquera, como xuiz de Vigo; a Gómez García do Campo, como alcaide da fortaleza de Ribadulla.(1)

O 26 de decembro do ano 1525 reuníronse ambos prelados e Tabera reclamoulle a Fonseca que fixese de novo e reparase algunhas das fortalezas e casas chans que tiña a mitra arcebispal en Galicia e Castela, xa que os danos que sufriran estas, aconteceran nos tempos do Patriarca de Alexandría (Fonseca II) e tamén durante o seu pontificado. De ningunha maneira aceptou Fonseca estas reclamacións e negouse en rotundo a “facer algunha reparación, nin como sucesor, ... nin de xeito algún estaba obrigado a facelo”, xa que sendo el arcebispo de Santiago non sufriron dano algún tales fortalezas, senon que incluso “las dejé mejor reparadas e adereçadas que estaban al tiempo que yo las reçibí”.

Este é o “Memorial das fortalezas e casas chans do Arcebispado de Santiago que están agora en pé, parte delas caidas e derrocadas e outras mal reparadas:
- O castelo de Lobeira.
- O castelo de Xallas.
- O castelo de Grobas
- O castelo de Pico Sacro ou Monte Sacro.
- A fortaleza de Outes.
- A fortaleza da Barreira.
- A fortaleza de Mesía.
- O castelo de Castro de Montes.
- A fortaleza de Rodeiro.
- O tapal de Noia.
- A torre de Caldas.
- A Igrexa de Santiago, as torres da praza e o cárcere.
- A torre da vila de Muros.
- As torres da vila de Pontevedra.
- As torres da vila de Padrón.
- A fortaleza de Bilvestre.
- A casa do lugar de Moas.

As fortalezas que están completamente derrocadas.

- O castelo do Este (refírese ó castelo do Oeste, en Catoira)
- O castelo da Rochaforte.
- A fortaleza de Melide.
- A Rocha de Padrón.
- A casa forte ‘e de plas’.
- A casa e os pazos Arcebispais de Santiago”.(2)

Sospeitando ambos prelados que a cousa iría para longo, decidiron poñer o caso nas mans de dous xuices árbitros que recibisen toda clase de información e probas e que conxuntamente “determinen e sentencien as diferencias e debates que hai entre nós”. Sinalouse un prazo de catro meses e acordaron en xuntarse a lo menos dúas veces á semana na catedral ou igrexa principal da vila ou cidade onde residira a corte. Foi nomeado xuiz por parte de Tabera o Dr. Bernal e por parte de Fonseca o Lic. Simón Rodríguez. Como terceiro árbitro foi nomeado o Lic. Santiago, que pertencía ó consello do rei. Para a parte técnica e a tasación dos danos nas fortalezas e castelos, Tabera designou ó bacharel Pedro de Muros e ó canteiro Xoán Gil, o Mozo, residente en Salamanca. Pola súa parte Fonseca, designou ó coengo Xoaquín Auñón e ó canteiro Xoán de Álava, que na actualidade era o mestre de obras do claustro da catedral de Santiago. No caso de que ambos canteiros non chegaran a un acordo nas tasacións, quedaban autorizados para facelo, Pedro de Muros e Auñón. Este acordo firmouse diante do escribán de Toledo, Álvaro Pérez de Luaces. Aceptádo-los nomeamentos, o 2 de xaneiro de 1526 o bacharel Xoán Rodríguez, procurador de Tabera, pediu a execución do compromiso e os xuices sinalaron como lugar de xuntas o clustro da catedral de Toledo, os martes e xoves de cada semana, ás catro da tarde, empezando ese mesmo día, xa que cadraba en martes.

A pregunta 25 do proceso, presentada polo Dr. Pedro de Cisneros, que sinalabamos ó comezo deste traballo, na que se describe como era o castelo de Outes, que é a investigación que nos propoñemos realizar, di así: “Se saben que o castelo de Outes, antes e nos tempos en que chegou ó poder do señor Patriarca e moito tempo despois, tiña:
- Unha torre de pedra alta, de dous sobrados coas paredes de dez pés de grosor e cubrición de tella.
- Que había ademais outra torre á súa beira; esta torre era redonda, de pedra labrada, fabricada en granito e recintada con cal; tiña tres sobrados con cubrición de tella e ameada.
- Estaba rodeada dunha muralla ben elaborada e había tamén outras edificacións que servían para aposentos e para outros servicios... Digan se saben, que sendo arcebispo de Santiago, o actual arcebispo de Toledo, desto haberá uns catro anos, por non reparar este castelo, derrubáronse a maior parte desas torres, o cárcere, e os aposentos, de tal xeito, que non é habitable, por esta causa. Digan ademais se este castelo era moi necesario e importante para a conservación e defensa dos vasalos do alfoz de Muros, para vivir (en paz) os feudatarios e usar a xustiza da Santa Igrexa entre eles. Digan o máis que saiban”.(3)

A esta pregunta, o testigo Fernando Falcón, o Vello, labrego e veciño da freigresía de S. Xoán de Roo, no alfoz de Muros, declara que a fortaleza de Outes ten unha “torrezica” cun cercado arredor, feita e labrada con pedra de canto e pedra tosca. (4) Bastantes máis datos dánolos Martiño da Gándara, tamén labrego, de 65 anos e veciño da freigresía de San Xiao de Tarás, no alfoz de Muros. Di que “haberá coma cincuenta anos que viu comezar a ‘facer’ e a ‘edificar’ o castelo de Outes.(Encadra esta construcción arredor do ano 1474) E lémbrase que a primeira pedra que se puxo foi o día de San Cristobo e que o mandara ‘facer’ e ‘edificar’ Garçía Martínez de Barbeira do seguinte xeito:
-primeiramente mandou facer unha torre de dous sobrados fabricada en pedra miuda mesturada con barro, de nove pés de ancho,
-á beira desta, o mesmo Gaçía Martínez, mandou erguer outra torre de tres sobrados de altura fabricada en granito labrado e recintada con cal nalgunhas partes. Esta torre era redonda,
-na actualidade, a primeira torre da fortaleza ten un sobrado caído (refírese á da planta cadrada) e tamén a primeira porta que da acceso á fortaleza”. (5)

O testigo Alonso Morete, labrego e veciño de Santa Baia de Pardemarín, coñeceu a fortaleza de Outes porque estivo dentro dela moitas veces, nos tempos de Garçía Martínez de Barbeira, cando estivo alí preso o seu pai (refírese ó pai do testigo). Debía de ser moi pequeno Morete, porque non da ningún outro tipo de detalles, ó contrario do que sucede cando fala da Barreira, que tiña dez anos e lémbrase de era alcaide desa fortaleza, Pedro de Ribas e a muller deste, chamábase Xoana de Paz.(6)

O prateiro santiagués, Rui Fenández, o Vello, non nos fai ningunha descripción dos edificios do castelo de Outes, pero fálanos do sitio onde estaba ubicado: “...é un lugar roqueiro, alto e áspero...” (7) Case as mesmas palabras usas o veciño de Noia, Pedro Campixo cando se refire ó lugar: “...está nun sitio roqueiro,” e engade:...”o edificio é de pouca ‘sustancia’.(8)

O escudeiro Diego Ortiz, veciño de Santiago, declara diante do tribunal que foi casteleiro do castelo de Outes, o que lle da un gran coñecemento das liortas e avatares polos que pasou este castelo, como teremos oportunidade de ver máis adiante, cando falemos da época no que o sitiou o Arcebispo de Santiago, para arrebatárllelo a Garçía Martínez de Barbeira. No que se refire ó edificio di que “...é de construcción pobre e que non está para reedificar nin labrar casa algunha alí, a non ser que se derrubaran tódalas paredes que están falsas, se retirasen as vigas e travesas que conserva... que (quen o fixo) non tivo máis propósito ó erguelo, no lugar onde está, que non fora para roubar e furtar, pois tanto a disposición como o asento do castelo están en terra ruin e non se pode cabalgar nin hai onde coller agua... nin terra para labrar...”(9)

Finalmente Pedro Lorenzo de Sarnón, veciño de Noia manifesta que o castelo de Outes “es roto e alto e que es cosa catiba y de muy biejas paredes secas”. Engade ademais dous datos moi importantes, primerio: “nadie no osa vivir en el ha más de veinte años”, o que quere dicir que no ano do proceso estaba deshabitado dende había vinte anos. E segundo: a razón deste abandono é ”porque anda en él el diablo que hespanta las gentes que en él hestán y quieren dormir” e seguidamente danos o seu testemuño: “porque tanbién este (testigo) estando en el (no castelo) una noche, se le paró delante una visión grande y hespantosa y se asió con este testigo a los braços y fue para echarle a una escalera abaxo, hasta queste testigo ubo la puerta y se fuera del”. Pero non pararon aquí as tretas do demo que habitaba o castelo de Outes, porque Lourenzo de Sarnón continua dicindo: “...aun despues otra bez estando este testigo junto del (ó pé do castelo), le hizo otro hespanto y a otros que en el dicho (castelo) an estado. ..a sido (un) quexar de hespantos (lo) que en él le an acaeçido...”. Por eso pensa que este castelo, por todas estas cousas que a el lle sucederon, -tal e como el as conta-, é mellor deixalo caer que “no corregillo ni adereçarlo porque es tal qual dicho tiene”, ademais, “no sabe que probecho aga donde está, estando legua y media de Noia y dos leguas de Muros, que son villas çercadas del dicho señor arçobispo y que le parecería mejor estar una fuerça en medio del alfoz de Muros y del coto de Jallas para aseñoriar las dichas dos tierras por la Santa Iglesia de Santiago, que no alli adonde está”.(10)

Tanto polas declaracións dos testigos como pola descripción que fan dela na pregunta, o castelo de Outes estaba formado por dúas torres: a más antiga, de sección cadrada e cun enorme deterioro, pois xa non tiña cubrición nas datas do proceso. Á beira desta, había unha máis recente, á que podemos encadrar entre os anos 1460-1480, porque foi erguida, como teremos oportunidade de comprobar, coas declaracións dos testigos, por Garçía Martínez de Barbeira. Esta torre era de planta circular, tiña tres sobrados, cubrición de tella e ameas arredor. (A primeira vez que visitei este lugar, en pleno mes de xaneiro, aínda que a maleza me impedía poder confirmar o sitio onde estivo, -pois sería preciso facer unhas excavacións- coido que o atopei, e que aínda se conservan varios destes vestixios). Había ademais neste lugar, a casa onde vivía o casteleiro, meiriño ou alcaide, as cabalerizas e o cárcere. Circundaban a todos estes edificios unha muralla e un foso que en parte, tamén podemos apreciar na actualidade.

O sitio onde estaba ubicado o castelo é tremendamente escarpado, especialmente pola parte norte, que é case vertical, pero tamén de moi díficil acceso dende calquera dos outros bandos, por eso varios testigos dirannos que non valía a pena recuperar e refacer este castelo por todas estas razóns, ademais había dous agravantes: tiña moi pouca terra labradía á súa beira e carecía de auga, elemento este, fundamental para a resistencia nos tempos de asedio.





(1) López Ferreiro, A. Historia de la S. M. Iglesia de Santiago. T. VII. Cp. III, pas.83 e sgts.
(2) Galicia Diplomática. T. IV. Pax. 343.
(3) Rodríguez González, A. Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños, T. I, paxs. 30-31.Fols. 40-41vº.
(4) O.C. pax.60. fols.108-108 vº.
(5) O.C. pax. 61. fol. 111.
(6) O.C. pax. 112. fols. 227-227vº.
(7) O.C. pax. 315. fols. 1121-1121 vº.
(8) O.C. pax. 554. fol. 1577-1577 vº.
(9) O.C. paxs. 569-570. fols. 1601vº-1602vº.
(10) O.C. paxs. 566-567. fols. 1596-1597.