jueves, 17 de enero de 2008

II. QUEN EDIFICOU E PARA QUE, O CASTELO DE OUTES

Só un testigo, Martiño da Gándara, dos que vimos anteriormente, nos dá razón de quen foi o que edificou a torre de dous sobrados que no intre do proceso relatan que estaba moi deteriorada porque era de pedra miuda, aínda que de moi grosas paredes (dez pés, segundo a pregunta do proceso e nove, segundo este testigo) e non tiña cubrición. Martiño da Gándara é o único testigo que tamén lle atribulle a Garçía Martínez de Barbeira esta edificación, aínda que posiblemente fora esta, unha torre medieval realizada anteriormente coas mesmas pedras procedentes do castro que con toda seguridade houbo neste lugar entre os séculos V (a. de C.) e (II d. de C.).

Os restos que quedan do conxunto desta fortaleza están ubicados nun monte moi rochoso a uns 350 ms. sobre o nivel do mar, á dereita da estrada que une Serra de Outes con Valadares e a escasos 200 ms. ó norte do lugar do Castelo. Dende esta vecindade accédese ó cumio onde estivo a fortaleza, primeiro por un camiño de carro que vai polo medio de terras labradías e despois, ó introducirse no monte, por unhas empinadas costas, tanto pola parte suroccidental coma polo lado este, que son os flancos menos pronunciados.

É tamén Martiño da Gandara, veciño de San Xiao de Tarás, no alfoz de Muros, o primeiro que nos da conta de quen edificou a torre redonda do Castelo de Outes. Dinos este testigo que “...despois de que erguera o mesmo Garçía Martínez outra torre redonda... e que así está levantada co seu muro de pedra miuda e barro”. (1) No mesmo senso exprésase Pedro de Vigo, cando declara que “...dicían que fora Garçía Martínez de Barbeira o que o fixera... despois este mesmo testigo afirma que vía que o poseía o señor Patriarca, porque oira dicir que llo ‘tomara’, aínda que non sabe o testigo canto gastou nin canto lle custou e agora ve que o posue a santa Igrexa de Santiago, porque así é público e notorio”. (2)

Ímonos atopar con moitos testigos que nos dan cabo das falcatruadas de Garçía Martínez de Barbeira dende a súa fortaleza do castelo de Outes. Comezaremos por Gonzalo de Arçeu, veciño de Santiago. Dinos este testigo que “nos tempos en que o señor Patriarca era arcebispo de Santiago, o testigo viu que Garçía Barbeira, criado que foi do conde de Altamira, fixera levantar de novo o castelo de Outes, que está no alfoz de Muros. E engade o testigo que oira dicir que era de todos coñecido que Garçía Martínez, dende alí, roubaba e facía moitos males ós veciños das vilas de Noia e Muros e tamén ós das súas comarcas, pois traía consigo ladróns e xente ruín que recibían del e dos que ían consigo, moitos danos... Foi por este motivo polo que o señor Patriarca lle arrebatou a fortaleza de Outes e dende entón pertence á Santa Igrexa de Santiago, aínda que non sabe se o Patriarca lle pagou algo a Garçía Martínez e á súa dona Dona Sancha, aínda que ó parecer do testigo, este castelo non lle facía falta algunha á igrexa de Santiago, salvo que fora, para que Garçía Martínez, deixara de roubar e refuxiarse nel...”, engade ademais que “se o señor Patriarca non o reparou, a este testigo parécelle ben”. (3)

Rui Fernández, o Vello, vainos aportar algún dato novo: “Sabe que quen conquistou o castelo de Outes coa súa terra e os seus vasalos, para a Igrexa de Santiago, foi o señor Patriarca, que llo tirou a Garçía Martínez de Barbeira, que era quen o tiña de seu (pois foi o seu constructor). E oíu dicir tamén, que Dona Sancha de Lobeira, muller de Garçía Martínez, litixiara co Patriarca por esta fortaleza e que a xustiza o condenara a pagarlle setecentas dobras, diñeiro este, que lle entregara o Patriarca, aínda que non sabe canto máis puido gastar o señor Patriarca neste pleito ¡que non paga a pena!, xa que o castelo de Outes é roqueiro e está situado nun lugar alto e inóspito, por eso este testigo pensa que tiña moita razón o señor Patriarca en non reparalo, xa que sería máis proveitoso para el, deixalo caer que conservalo de pé; ademais Garçía Martínez fixerao para roubar e facer mal”. (4) Case un calco do que acaba de dicir este testigo é a declaración de Xoán Prateiro que nos refire, que sendo arcebispo de Santiago o señor Patriarca gañou e adquireu o castelo de Outes que antes tiña e poseía Garçía Martínez de Barbeira, que fora o que o fixera e o señor Patriarca deixoullo á Igrexa de Santiago... este castelo é moi roqueiro porque está nun monte moi alto e fixerao Garçía Martínez para dende el roubar, cousa que era de todos coñecida... non sabe se o señor Patriarca o quixo ou non reparar”. (5) O rexedor de Santiago, Pedro Siso ten unha idea bastante semellante a todo canto se ven relatando, aínda que non fala de conquista, no referente ó castelo de Outes, senon que dí que “adquireu de novo o castelo de Outes que fixera alí Garçía Matínez de Barbeira e a súa muller, Dona Sancha de Lobeira, ...’’ e maís adiante declara: “que llo tomara o señor Patriarca... e que despois tivera un gran pleito con Dona Sancha de Lobeira por gallo do castelo de Outes... e que este lle dera oitocentas dobras ademais do que poidera gastar no pleito... e se non o reparou foi porque o castelo de Outes estaba moi mal ‘prinçipiado’, era de ruin pedra e de pobre edificación”. E máis adiante engade que nunha ocasión, indo a este castelo co Arcebispo de Toledo, el mesmo lle dixo (refírese o testigo a sí mesmo) que “o edificio desta fortaleza era mellor que o mandase derrocar antes que telo e gastar nel cousa algunha, porque Garçía Martínez mandarao facer alí porque vivía co conde de Altamira e dende alí realizaba todo tipo de maldades e danos sobre os vasalos do arcebispo, cousa que era de todos coñecida... Por este motivo o castelo de Outes non se debía de reedificar nin gastar nel cousa algunha, tendo tan cerca as vilas de Noia e Muros...” (6)

O coengo D. Xoán de Mondragón apórtanos como novidade o lugar onde se resolveu o pleito, aínda que a súa testemuña é moi similar á doutros coñecedores do castelo de Outes. Di na súa declaración que “Garçía Martínez de Barbeira ‘tenía e poseía’ o castelo de Outes e que llo ‘tomara e obiera e ganara’ o señor Patriarca para á Igrexa de Santiago con tódolos seus vasalos e agora ‘lo tiene e posee’ pacíficamente... é verdade tamén que dona Sancha, esposa de Garçía Martínez de Barbeira sostivo por este motivo un gran pleito na Chancelería de Valladolid co señor Patriarca sobre este castelo, que o condenou e houbo unha executoria en contra do señor Patriarca de ‘çierta quantía de doblas’ que lle obrigou a que llas pagara a dona Sancha, ademais dos gastos da chancelería de Valladolid, que correron tamén a cargo do señor Patriarca...”. Declara, ademais, que “era de todos ceñocido que Garçía Matínez fixera o castelo de Outes para dende ali roubar e enseñoriarse das terras do arcebispo, porque era criado do conde de Altamira... e dende este castelo facíanse moitos roubos, pelexas e mortes de homes e vasalos da terra asi coma de mercadeires estranxeiros que pasaban por alí... pensa tamén o testigo que o castelo de Outes é pouco proveitoso para a Igrexa de Santiago...”(7)

O testigo Gonzalo de Cardeleiro, escudeiro, de oficio e veciño da vila de Malpica, na súa declaración vai redundar sobre o que outros testigos viñeron afirmando pero ó mesmo tempo vainos aportar uns cantos detalles novos e moi interensantes. A súa declaración di así: “...viu este testigo que Garçía Martínez de Barbeira e a súa muller, dona Sancha de Lobeira, ‘tobieran e poseieran e tenian e poseian’ o castelo de Outes que está no alfoz de Muros e mandaban en tódalas terras dos arredores... e sendo eles os donos, este testigo estivo no castelo... Nos tempos en que o señor Patriarca, era arcebispo de Santiago, os seus criados ‘lo tomaron’ a Garçía Martínez e foi por un tempo do señor Patriarca ata que llo deixou á Igrexa de Santiago, que é a que o ten na actualidade... tamén oiu dicir que dona Sancha pleitexara co señor Patriarca por este castelo e que condenaran a este, non sabe con cantos ‘çientos de marabedis’...pero sabe que Garçía Martínez fixerao para acollerse nel e para enseñoriarse do coto de Xallas e das terras do arcebispo de Santiago... oíulles dicir a moita xente, aínda que non se lembra dos nomes que, prendía ós seus vasalos e despois esixíalles cartos para rescatalos... e indo unha vez este mesmo testigo con Leonor de Anzian, veciña da cidade de Santiago, foron dormir a unha aldea que se chama Olbeiroa, que está tamén no alfoz de Muros, atopáronse alí con Garçía Martínez á hora de deitarse. Este tiña consigo quince ou vinte homes e prenderon á dona da pousada e ó seu fillo e a este testigo que ‘con ella yba por moço’(refírese a Leonor de Anzian) e leváronos a todos presos ó castelo onde estiveron por espacio de oito días... e tíñannos así presos para que os rescataran... e só cando a dona lle mandou unhas queixas ó conde de Altamira, este mandounos soltar...tamén oíu dicir que realizaba aprisionamentos e ‘fuerças contra razón y justiçia’ e os veciños de Noia e de Muros ‘no hosaban salir sin que fuesen presos y rescatados del dichos Garçía Martínez’ e dos homes que traía consigo...por eso pensa que o castelo de Outes sería máis proveitoso que estivera levantado, que non derrocado”. (8)

Pedro de Ramil, veciño de San Vicente de Amarante non aporta nada novo no referenta á propiedade orixinaria do castelo, pois ratifica, aínda que de xeito moi escueto, os elementos máis fundamentais: “...Sabe que Garçía Martínez de Barbeira tiña e poseía o castelo de Outes ‘por suio y como suio’..., e engade un dato importante e testemuñal: “... porque el mesmo foi testigo de cómo ‘le bido labrar y hedificar mucha parte del’...”(9) Máis adiante declara que foi o Patriarca o que llo tomou e llo donou á Igrexa de Santiago. É para min este home, un testigo excepcional, xa que declara que el mesmo viu, como Garçía Martínez, mandaba edificar o castelo de Outes.

Pedro Campixo, mercader e veciño da vila de Noia, fai unha amplia e detallada declaración sobre case tódolas miudanzas do castelo de Outes pero vainos aportar algunhas das persoas que secuestrara o protagonista deste castelo: Garçía Martínez de Barbeira que segundo este testigo foi o que “fixera de novo o castelo de Outes” e “tobiera por suio” uns dez ou quince anos. A finalidade que tiña Garçía Martínez con este castelo era roubar e “aseñoriar” as vilas de Noia e Muros porque era o máis grande “salteador e robador que avía en el Reino de Galicia y que traía siete o ocho de caballo consigo”. Referíndose a este tipo de feitos el mesmo viu como Garçía Martínez secuestrara e prendera a Xoán Paz da Grela, vasalo do Arcebispo e a Xoán Saborido das Ortas, veciño de Santa Mariña do Carro e que lle levou a cada un cen dobras de ouro. Declara máis adiante que sendo o señor Patriarca arcebispo de Santiago “lo çercara e tobiera en el çercado” e despois de tomarllo, expulsou del ó tal Garçía Martínez. Posteriormente o arcebispo pagoulle, non sabe cantas dobras a dona Sancha de Lobeira por las costas e preito que tivera con el polo castelo e fortaleza de Outes. Ó parecer de Pedro Campixo este castelo, para ás vilas de Noia e Muros, estaría mellor “derrocado que no alçado” aínda que desque pertence á Igrexa de Santiago nin se “viu nin se oíu dicir que se fixeran males, xa que o señor Patriarca tiña nel ós seus meiriños e igualemente os tiña, o señor Arccebispo de Toledo.(10)

O rexidor da vila de Noia, D. Pedro Díaz de Luaces, declara tamén que o castelo de Outes coas terras que hai arredor, ata a Ponte don Afonso, eran de Garçía Martínez de Barbeira ata que “gelo tomara” o señor Patriarca que lle pagou despois “seteçientas doblas” a dona Sancha de Lobeira, muller que fora de Martínez de Barbeira. Este testigo acompañou unha vez ó Arcebispo de Toledo e a Pedro Bermúdez de Montaos, para ver se se podía reedificar o castelo de Outes. (11)

Pedro Lorenzo de Sarnón, veciño da vila de Noia, danos unha amplia información do castelo de Outes pero sobre todo concretiza varios detalles que outros testigos pasan por alto, quizais por descoñecemento. Declara como a maioría dos anteriores, que foi Garçía Martínez de Barbeira o que fixera edificar este castelo e dende alí cos seus criados “abía echo mal y robos y se aseñoreaba de casi todo el reino...mandaba en todos los basallos del dicho alfoz ansí en los de las tierras del Arzobispo,...los de Suero Gómez y de otros hidalgos del alfoz, salbo los del conde de Altamira porque bibia con el...” Xa vimos anteriormente como, gracias á intervención do conde de Altamira, Garçía Martínez, soltara a uns cantos veciños desa bisbarra, que este tiña secuestrados. Da a entender tamén este testigo que por estas razóns o señor Patriarca “xe lo tomara por fuerça de armas poniendo çerco sobre el hasta que lo echara del...” Vainos dar aquí Pedro Lorenzo un detalle que para ós demais testigos, pasou desapercibido: “...’despues de muerto’ el dicho Garçía Martínez...doña Sancha traxiera con el dicho señor Patriarca gran pleito sobre el castillo, como muger que quedara de Garçía Martínez...”e o testigo oíulle dicir a dona Sancha que “condenara al señor Patriarca e obiera contra el sentençia en mas de mil doblas de oro y que el señor Patriarca se las pagara...” aínda, e esto parece contradictorio que “...nunca en su poder las tenía y que las abía de dar por Dios...” (12)

Imos recurrir agora a un testigo excepcional: a D. Diego Ortiz, escudeiro e veciño da cidade de Santiago que declarou diante do tribunal que foi alcaide do castelo de Outes durante oito ou nove anos, polo que debemos concluir, que a súa información, por estar próxima ó peder executivo, é de primeira man. Recoñece que foi Garçía Martínez e a súa muller, dona Sancha, “...el que avía llevantado de nuevo el castillo de Outes...” e fixerao par apoderarse das terras desta comarca que é da Igrexa de Santiago e cando el estaba “...la señoreaba y mandaba y robava y destruia a la gente de la tierra y los rescatava... y las personas a quien el robara y rescatara los oyo dezir que dellos robara a tal por diez doblas y a otros mas y a otros menos...” Foi por estas razóns polas que o Patriarca lle puxo cerco ó castelo para expulsalo... e agora este castelo é da Igrexa de Santiago. Tamén nos fala do preito que sostivo dona Sancha co Patriarca. A este respecto Ortiz, di que condenaran á Arcebispo a pagarlle a dona Sancha de Lobeira mil dobras que este “pagara y executara” cos seus bens. E sabe esto porque llo dixo Nicolás de Acevedo, que era o tesoreiro de Fonseca. (13) Ó final declara que todo esto é verdade e firma co seu nome.

Finalmente, para rematar este periplo polo castelo de Outes, que como vimos, a súa torre redonda foi edificada por Garçía Martínez, debemos facernos agora dúas preguntas: ¿quen foi o primeiro en atacar o castelo de Outes? e ¿cales foron os motivos polos que foi atacado e derrocado?.

Non só as cuadrillas Irmandiñas que se ergueron nas vilas e cidades á voz da Irmandade para reclamar xustiza, atacaron e derrubaron fortalezas. Tamén os nobres e fidalgos estaban en loitas continuas, uns contra outros. Asi atopámonos que na declaración de Martiño da Gándara, aínda que non da razón alguha para saber, por que foi atacado o castelo de Outes sí nos refire, que “se xuntaron os concellos de Noia e Muros levando como capitán a Estevo de Xunqueiras, con trabucos... e ía este, ó pé do Patriarca e entre todos, tomáronlle o castelo a Garçía Martínez e entregáronllo ó señor Partiarca que o tivo un tempo... despois, Garçía Martínez voltouno a recuperar coa axuda ‘por engaño’, de Rui Martínez de San Cristobo, que llo vendeu por cuarenta dobras... Á vista desto, o Patriarca encomendoulle a súa reconquista a Bartolomeu Bamonde que llo volveu a tomar a Garçía Martínez e, dende esa data, ‘quedara siempre por la Iglesia de Santiago’.”(14) Tamén Fernando Falcón nos informa deste mesmo feito, aínda que a conquista do castelo de Outes atribuiea exclusiavante a Estevo de Xunqueiras “que lla entregou ó Patriarca, sendo Arcebispo de Santiago”.(14)

En canto ós motivos, nas declaracións de algúns testigos, atopamos certas insinuacións que poideran ser as causas polas que o Patriarca de Alexandría, se decidira atacar a Garçía Martínez e tomarlle o castelo de Outes porque “se aseñoraba de casi todo el reino” como declara Lorenzo de Sernón. (15) Diego Ortíz vai máis lonxe e posiblemente dea na clave do ataque que realiza o Patriarca, cando di “...porque Garçía Martínez fixerao, (referíndose ó castelo) para apoderarse de toda aquela terra e da súa comarca, que son da Igrexa de Santiago”, ademais “...se enseñoriaba y mandaba y robava”. Este mesmo detalle tamén nos lo refiren o de Sarnón e Pedro Campixo. Por outra banda, Pedro Siso esgrime unhas razóns semellantes ás anteriores, pero engade que Garçía Martínez dende ali, atacaba a todo o mundo, “...menos ó conde de Altamira... fecéndolle moito mal e dano ós vasalos do Arcebispo...aproveitándose deles”.(16) Tamén Rui Fernández, o Vello, di que Garçía Martínez fixera o castelo de Outes para dende alí “roubar e facer mal”.(17).


De Garçía Martíz de Barbeira, (que é como el o escribe e así o faremos nós aquí, por respeto á súa grafía ) ou Garçía Martínez de Barbei(y)ra, (como se dicía no outro texto) danos unha importante e amplia información, aínda que moi deslavazada, Vasco de Aponte, na súa obra: “Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia”.

Estaba casado este personaxe, como din os testigos, e tamén Vasco de Aponte, con dona Sancha de Lobeira, filla de D. Paio Mariño de Lobeira, que tiña mil cincocentos vasalos que os perdeu, por ser ‘viçioso de mugeres’(18)

Cando se fala das victorias de D. Diego de Andrade, conde de Altamira, a terceira destas batallas, ganouna o conde, contra ó Arcebispo, D. Alonso II de Fonseca, gracias a Garçía Martíz de Barbeira. Este, obedecendo as ordes de D. Lope Sánchez, que “...era un mozo, que non sabía moito, aínda que era franco e esforzado e tiña moi bos fidalgos (dunha lanza, os máis deles), erixiron por capitán maior de todos eles a Garçía Martíz de Barbeira, que era merecente de ser doutro señor máis grande”. (19) Cercaron a fortaleza da Rocha, propiedade da mitra compostelá, pero como a Irmandade derrocara tódalas fortalezas, incluida esta, os invasores, non tiñan onde guarnecerse. Entón acordaron que fora Garçía Martíz quen tomase escudeiros, peóns, pedreiros, azadores e avituallamentos, para que se meteran unha noite en Altamira, que era a ‘cabeceira do estado’...á mañá seguinte xa tiñan un muro de pedra e lousa dun brazo de alto e un foso, tamén dun brazo de altura, que non tardaron dúas horas en falcelo. (20) Cando chegaron -a Santiago estes acontecementos, Luis de Acevedo, irmán do Arcebispo e capitán maior das súas tropas, partiu cara Altamira, onde se entablou un duro combate, pero “Garçía Martíz, puxo a cada un no seu sitio... No lugar da artillería estaba cada un parapetado detrás do seu monte de pedras...facéndolle fronte a toda aquela moitedume,... despois dun par de horas, nas que mataron e feriron a uns sesenta homes...aínda que eran todos moi esforzados”. Durante o combate, Estebo de Xunqueiras, andivo buscando a Garçía Martíz (co que tiña unha enorme e recoñecida enemistade) e cando o atopou díxolle: ‘-¡Ai, traidor, vas morrer nas miñas mans, xa que o demo te trouxo aquí!’, ó que Garçía Martíz lle respondeu: ‘-Ou, cornudo tridor, non vas entrar aquí como pensas, porque os homes que estamos aquí dentro sabemos como deter á túa compañía’. Cansados como estaban, fóronse, porque non podían aguantar máis.(21) Notamos aquí unha manifesta enemistade entre Garçía Martínez e Estevo de Xunqueiras. A este derradeiro, segundo a declaración de Pedro do Barreiro e Xoán Pérez de Palmeira, a Irmandade de Santiago, que traía ó seu fronte como alcalde a Xoán Domínguez de Liñares, derrocoulle a fortaleza das Xunqueiras, “que fora de Martiño Rodríguez” que era o pai de Estebo de Xunqueiras. Esa mesma Irmandade seguidamente derrocoulle a Suero Gómez a fortaleza de Rianxo e dalí foron derrocar a fortaleza da Rocha Branca de Padrón, que era da Igrexa de Santiago. Non sabemos se Garçía Martíz participou ou non, no derrocamento da fortaleza das Xunqueiras, pero sí sabemos, polo testemuño de Barreiro, que Estebo das Xunqueiras, participou na conquista do castelo de Outes con “trabucos” e coas xentes de Noia e Muros, para entregarlla ó Patriarca, como vimos anteriormente. (pax. 540 e Nº 14 do cap. Anterior).

Cando Martíz de Barbeira se posesionou das ruinas que quedaran da Rocha, despois da desfeita dos Irmandiños, viñeron na súa axuda, D. Diego de Andrade e o conde D. Lope, que foron os que ergueron o cerco da fortaleza, onde colleron prisioneiros ó Arcebispo e ó conde de Monterrei, que os encerraron en Santiago, ata que “ambas partes, chegaron a un acordo”. (22)

Tamén participou Martíz de Barbeira na cuarta victoria de D. Diego de Andrade. A batalla deuse na ponte de Sionlla, parroquia de San Cristobo de Enfesta. O motivo desta contenda foi porque o conde D. Sancho, coa axuda de Fonseca II, arrebatáralle ó conde D. Lope, Abeancos, Borraxeiros e a Benquerencia. O conde de Altamira, foi na axuda de D. Lope. A pelexa, segundo nos conta Aponte, foi acordada de “sete por sete en cada parte: sete de a cabalo e sete da pé. Por unha parte D. Diego de Andrade contra o conde D. Sancho; Fernado de Andrade contra Álvaro González; Rui Fernández Noguerol, contra Fernán Díaz de Ribadeneira; García Díaz de Mesía, contra Parragués; Garçía Martíz de Barbeira contra Xoán de Noboa; Rodrigo Alonso de Saavedra, contra Luis de Vilamarín; García López de Perbes contra Pedro Oxea de Aldán. (23) Nos Nºs. 253-254 da súa obra, Vasco de Aponte detállanos de novo os nomes dos que participaron nesta contenda ó tempo que engade algúns dos que aquí omite, posiblemente por esquecemento momentáneo. Di así a nota: “Os sete de a cabalo do conde D. Sancho eran: el, Parragués, Álvar Goçález, Fernán Díaz de Ribadeneira, Luis de Villamarín, Xoán de Noboa, Pedro Oxea de Aldán. Dos peóns só me lembro de Fernán Calbacho. Pola parte do conde de Altamira eran: o señor D. Diego de Andrade, Fernando de Andrade, Rui Fernández Noguerol, Garçía Martíz de Barbeira, García Díaz de Mesía, Rodrigo Alonso de Saavedra, e García López de Perbes. Os peóns eran: Men de Santar, Alonso das Enchousas, Xoán de Vigo, Lope Mouro e Mateo de Ouces...”

Arredor do ano 1475 trataron de casar a Dona Constanza, filla de Gómez Pérez co conde D. Lope Sánchez de Moscoso que “allende tener todo lo suio con las beaterías que llevaban sus antecesores”, tomáronlle ó Arcebispo as torres de Padrón con tódalas súas terras: Malpica, Fisterra e Mesía.... Co favor do conde D. Lope, Martíz de Barbeira, “sojuzgaba a Muros y a Noya y al couto de Jallas”. O Arcebispo, prometeulle ó conde, o feudo de Cira e o título de Pertigueiro Maior de Santiago, se deixaba á súa muller dona Constaza. Así o fixo o conde, e o Arcebispo, casouno coa súa irmán dona Aldoza de Azevedo. A pesar deste casamento, as boas relacións do conde D. Lope e o Arcebispo, duraron uns cantos meses. Así un día, estando o conde de Cira, acompañado de Garçía Martíz de Barbeira, cinco dos escudeiros do conde chamados Xoán Rodríguez de Ocampo, Lope de Cádavo, Rui Gómez de Sibil, Xoán Rodríguez de Sales e Vasco Fariña de Lamas, acordaron entre eles, matar a Garçía Martíz de Barbeira, pero este, que se decatou da trama que estaban organizando na súa contra, refuxiouse nunha das torres con varios criados e dende alí empezou a berrar: “-¡Moscoso!, ¡Moscoso!. ¡Tridores!. ¡En que ruín sitio vos colleu a sesta!. ¡Non vos compre agardar aquí!”. (24)

Como é sabido o Arcebispo D. Alonso II de Fonseca, coñecido tamén coma o Patriarca de Alexandría, tiña como manceba a Dona María de Ulloa, que foi a nai de D. Alonso III de Fonseca. Dona María, era irmán do conde D. Sancho Sánchez de Ulloa. A invasión da fortaleza da Rocha (referímonos á Rocha Forte de Santiago) foi unha especia de represalia porque o conde D. Sancho, apoiado por Fonseca, o Mariscal Pedro Pardo de Cela, os Ribadeneiras e o conde de Monterrei, sacáronlle ó de Altamira arredor de “mil vasallos solariegos e beaterías” (25) Á vista desta afrenta, D. Lope, acordou con Garçía Martíz de Barbeira e con Garçía Pérez de Costela, ir ó auxilio de D. Diego Pérez de Andrade. Para elo, solicitaron a axuda de D. Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Camiña, que levou consigo ó bispo de Tui, -D. Diego de Muros- e a D. Suero Gómez, que entre todos, xuntaron máis de mil cincocentos peóns, que o primeiro que cercaron foi a fortaleza de Alcobre. (26)

Garçía Martíz de Barbeira, vendo como o conde Camiña e o bispo de Tui, tiñan moitas gañas de entrar en combate, díxolle a D. Lope Sánchez: “...Non sexas a causa da morte dos teus homes... porque este monte está moi ben fortificado...ademais os teus homes que están dentro pasáronse ó bando do Arcebispo, como traidores... e aínda que os que están aquí fora, son bos, é mellor que nos retiremos... Eu prométoche coma quen son, que os vou sacar daqui en menos de dous meses”. (27) Seguidamente ergueron o cerco e Garçía Martíz foi falar co conde de Altamira para pedirlle trinta escudeiros cos seus cabalos e oitenta peóns e que lle dera ademais avituallamento para quince días. E foi así con esta xesta, como Garçía Martíz foi ocupar a fortaleza da Rocha. “Alí cortaron tantas silvas, toxos e espiños con vinte ou trinta peóns que levaba, que cando comezou a raiar o sol, tiña feita a defensión e o baluarte, onde se atrevía a esperar calquera ataque. Cando os veciños de Santiago, que foran ó monte co gando, viron esto, foronllo dicír ó Arcebispo e saíu este, de contado, coa súa xente, para ver quen eran os intrusos. Os que estaban dentro, berraron: “Moscoso, Moscoso”. Ameazounos Fonseca, dende fora e respondeulles Garçía Martíz, dende o interior, que Deus era grande, ó tempo que lle pedía ó Altísimo que gardase ó conde e ós seus valedores e dicíalle ó Arcebispo que as cousas non se farían como el pensaba. Diante deste panorama, o Arcebispo mandou chamar ó conde D. Sancho Sánchez de Ulloa que trouxo consigo ós Pardos e Ribadeneiras, que cercaron ‘as ruinas’ da fortaleza da Rocha. Pola outra banda, D. Lope, mandou chamar a D. Diego de Andrade que se presentou con cento catorce de a cabalo, despois de pasar unha noite para atravesar dende a Ponte de Sigueiro a Maía. (Esta comarca está entre os ríos Sar e Sarela, moi preto de Santiago. Na actualidade está integrada polos concellos de Ames, Brión, parte de Rois e Teo. Foi solar dos Moscoso, xa que esta comarca era limítrofe co condado de Altamira). Ó amañecer do día seguinte o conde xuntouse con Garçía Martíz e este saíu da Rocha cos seus trinta homes de a cabalo e acordaron entre todos, derrocar a fortaleza de Alcobre coa condición de que quedara libre a fortaleza da Rocha a favor do Arcebispo. Cando esta quedou libre, cada quen foise para á súa casa.(28)

Atopamos tamén a Garçía Martíz de Barbeira en Morgade, lugar que está ó pé do castelo do Castro de Montes, na parroquia de San Miguel de Presqueiras, actualmente pertencente ó concello de Forcarei, onde conferenciou con “moitos señores extraños...e puxeron por meiriño alí, a Gonçalo Pérez de Gontín, casado cunha irmán bastarda de D. Lope Sánchez de Moscoso. (Como nota aclaratoria debemos engadir que o conde D. Lope sempre socorreu ós seus amigos, sobre todo ó conde de Camiña, ó mariscal D. Suero Gómez e ó señor D. Diego de Andrade).(29)

A única vez que Vasco de Aponte cita o castelo de Outes, ubicado en San Pedro de Outes é relacionado con Parragués (e non con Martíz de Barbeira) e di así: “...antes un año que viniera la justiçia a Galicia desconçertose Parragués con el arçobispo sobre la residençia que tomaron contra él do alfoz de Muros e do couto de Jallas: quando él tuviera el castillo de Outes y el castillo de Jallas, fue este conde con el de Benavente a poner çerco sobre la Coruña, y estuvo con él asta que no quiso estar más sobre ella, y se levató della. Y volviéndose para Padrón, este conde... prendió a Juan Rodríguez de Sales, su pariente, y aorcolo”.(30). Debemos aclarar que a palabra “quando” débese entender aquí como “mentres”. Por outra banda sabemos que a presenza de D. Lope de Moscoso ó lado do conde de Benavente no asedio á Coruña tivo lugar nos primeiros meses do ano 1477. (31) Este conde tiña na casa oitenta lanzas e Garçía Martíz de Barbeira, serviao con dez. (32).

Existía por este tempo nas casas nobres unha grande solidaridade entre os seus membros. Posiblemente a máxima expresión podémola atopar na dos Moscosos, pois eran moitos os parentes fidalgos que nas situacións comprometidas xuntábanse para facer causa común, aportando cada un deles a súa facenda e normalmente ás ordes do irmán máis vello. Tamén os cabaleiros se xuramentaban entre sí para defender a continuidade das casas; discutían sobre as cousas importantes e buscaban solucións como aconteceu cando faleceu Vasco Pérez. Nesta ocasión, Garçía Martíz de Barbeira e García Pérez de Costela, formaron concello con outros fidalgos e decidíronse por un dos parentes da casa ó que “alçáronlo por señor”.(33)

Na batalla que se librou en Ponte Maceira entre as tropas do conde de Altamira e as do Patriarca, que comandaba o seu irmán Luis de Acevedo, con cen lanzas e mil peóns de xente moi escollida. Este, que tiña vixiado de cerca de Garçía Martíz de Barbeira, que viña de Trastámara con moito avituallamento e cebada para ás bestas, ademais de cincocentos ou seiscentos peóns, e a lo menos, dez de cabalería, tendeulle unha emboscada onda referida ponte, que daquela aínda era da época dos romanos. (Estaba sobre o río Tambre, na parroquia negreirense de Santa María do Porto). Cando os homes de Garçía Martíz se viron sorprendidas polas tropas de D. Luis de Acevedo, moitos fuxiron e outros deron a volta, deixando a Garçía Martíz en grande apreto e só, diante de Estebo de Xunqueiras e os do seu bando, onde estivo a piques de perder a vida. Pero el, como puido, coa axuda dalgúns cabaleiros, e sobre todo, grazas ó seu formidable cabalo, conseguiu sair do perigo. Luis de Acevedo, en vez de perseguilo na súa fuxida, deixouno escapar e Garçía Martíz de Barbeira foise reunir co seu señor (34) que era o conde de Altamira.

Como podemos apreciar, Vasco de Aponte, tiña moito mellor concepto de Garçía Martínez ca maioría dos testigos que declararon no xuizo, pois non fai referencia algunha nin a roubos, matanzas, secuestros, asaltos ou ás intencións de “aseñoriarse” das vilas e terras do Arcebispado, como vimos máis arriba.

Pero este é, o noso protagonista, coas súas grandezas e miserias, que de seguro, de todo tivo. El foi o home que mandou levantar a torre redonda do castelo de Outes, do que hoxe, cuberto pola maleza, pouco máis se pode apreciar co sitio.

Eu invito, dende esta pequena investigación, a quen queria acompañarme, para visitalo unha noite de lúa nova, porque fai falta volver ós comezos deste misterioso castelo e comprobar in situ, se ainda anda merodenado por entre medio deses muros e desas pedras, que se ergueron, noutros tempos, coa altivez indomable dos seus primitivos donos cara ó ceo, o “demo que espanta ás xentes” que, unha noite, votou escaleiras abaixo ó veciño de Noia, Pedro Lorenzo de Sarnón e noutra, a este mesmo testigo a outros que “en el dicho an estado (y) a sido quexar de hespantos (lo) que en el le an acaeçido”. (35)






(1) Vasco de Aponte. Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Nº 2. Edc. Crítica. Varios Autores. Santiago. 1986.
(2) O.C. Nº 213.
(3) O.C. Nº 214.
(4) O.C. Nº 216.
(5) O.C. Nº 127. Ver tamén Nºs. 248-250.
(6) O.C. Nºs.128; 253.
(7) O.C. Nºs. 240-243.
(8) O.C. Nº. 244.
(9) O.C. Nº 245)
(10) O.C. Nº 246.
(11) O.C. Nºs.249-254.
(12) O.C. Nºs. 256-257.
(13) O.C. Nº. 260.
(14) García Oro, X. Iglesia, 129-131.
(15) Vasco de Aponte, O.C. Nº 261.
(16) O.C. Nº. 211.
(17) O.C. Nºs. 223-226.
(18) Las Fortalezas de la Mitra C. Rodríguez G. Pax. 566. fol 1597.
(19) Las Fortalezas de la Mitra Compotelana y los Irmandiños, Rodríguez G. T. I e II , pax. 61. Fol. 111.
(20) O.C. Pax. 305. fol. 1099vº.
(21) O.C. Pax. 311. fo1s.111 vº.-1112.
(22) O.C. Pax. 315. fols. 1121-1121 vº.
(23) O.C. Paxs. 324-325. fols. 1141 vº.-1142.
(24) O.C. Paxs. 330-331. Fols. 1155-1156.
(25) O.C. Paxs. 366-367. Fols.1239 vº.-1241.
(26) O.C. Paxs. 381-382. Fols. 1273 vº.-1274 vº.
(27) O.C. Pax. 460. fol. 1416 vº.
(28) O.C. Paxs. 554-555. Fols. 1577-1578.
(29) O.C. Pax. 562. Fols. 1589-1590.
(30) O.C. Pax. 566. Fols. 1595 vº.-1598 vº.
(31) O.C. Paxs. 567-570. Fols. 1598 vº.-1602 vº.
(32) O.C. Pax. 61. Fols. 110 vº-111 vº. Tamén pax. 60, fol. 108-108vº.
(33) O.C. Pax. 566.
(34) O.C. Pax. 331.
(35) O.C. Pax. 315.

No hay comentarios: