jueves, 17 de enero de 2008

III. VALORACIÓN DE DANOS DA FORTALEZA DE OUTES.

Di así a acta notarial:

“Na nobre cidade de Salamanca, a once días do mes de outubro do ano de Cristo de mil cincocentos vinteseis, na miña presenza Fernando de Briviesca escribán, tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Xoán Tabera, Arcebispo de Santiago e Pedro González, escribán, tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Alonso de Fonseca, Arcebispo de Toledo, paresceron presentes: Xoán de Álava, mestre de cantería, veciño da cidade de Salamanca, xuiz tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor Arcebispo de Toledo, e Xoán Gil, mestre de cantería, veciño da referida cidade, xuiz tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor Arcebispo de Santiago, para ver e tasar os reparos das fortalezas e casas que están en pé, do Arcebispado de Santiago, e dixeron que viran coa vista dos ollos e tasaron tódolos reparos, declarándono-los do xeito e maneira seguintes:”

O día vinte de setembro do ano mil cincocentos vinteseis os peritos, Xoán de Álava e Xoán Gil, visitaron a fortaleza de Outes e as casas que tiña ó seu arredor e tasaron os seus reparos do seguinte xeito:

“Primeiramente viron que na torre da homenaxe debíase reparar e tellar todo o que vai enriba do derradeiro sobrado. Tasárono e mil maravedís.

Tamén viron que era preciso arranxar a primeira escaleira que sube ó segundo sobrado. Tasárona en cen maravedís.

Tamén viron dúas arcas podres que “meresçe” cada unha delas: unha dous ducados e outra un, segundo dixeron os testigos.

Tamén atoparon a porta da entrada da torre que é de madeira e está estragada e podre. Fai falta para ó seu arranxo, segundo o parecer dos testigos, un ducado.

Tamén atoparon un aposento de vinte pés de ancho, pouco máis ou menos, que fai falta volverlle facer o chan con madeira. O custo é de cincuenta e cinco reais.

Así mesmo atoparon no mencionado cuarto unha porta de madeira que tasaron nun real e medio.

Asi mesmo atoparon mal reparada a escaleira para subir a ese cuarto; tasárona en medio ducado.

Tamén atoparon unha peza do aposento no cuarto de fóra, que está ó cabo da torre, sen tellado e sen chan. Tasaron todo en mil oitocentos setenta maravedís.

Igualmente atoparon a cabaleriza toda no chán e tasaron as paredes e o tellado en mil maravedís.

Tamén viron que é preciso facer e alzar setenta tapias de parede que están derrocadas. Tasaron cada tapia en douscentos maravedís porque son de pedra seca e moitos dos pés están fabricados en mampostería. O monto desto é de catorce mil maravedís.

Así mesmo viron que as paredes que están de pé precisan repararse en moitas partes. Tasaron todo esto en tres mil maravedís.

Así mesmo viron que faltaban tres portas: unha á entrada do foso; outra na esquina da escaleira da casa e outra na cabaleriza, que tasaron en douscentos dez maravedía.

Así mesmo viron que é preciso limpar as silvas, a broza e outras malezas, que tasaron en catro ducados.

Así mesmo viron que noutro tempo había un tellado entre a casa e a torre que o tasaron en cinco mil maravedís.

De tal maneira que o monto de tales reparos ascende a trinta e un mil douscentos oitenta e oito maravedís e medio. De estes cargáronlle ó tempo do Sr. Patriarca, vintedous mil maravedís; ó tempo no que estivo o Sr. Arcebispo de Toledo, oito mil douscentos oitenta e oito maravedís e medio e finalmente, ó tempo do Sr. Arcebispo de Santiago, mil maravedís. Fíxose segundo o parecer e a información que deron os testigos que se oiron”. (1)

Se comparamos o monto total da valoración de danos do castelo de Outes con calquera das fortalezas que foron derrocadas polos Irmandiños, e posteriormente reparadas, atopámonos que é unha cantidade moi importante a suma dos danos deste castelo, equivalente á valoración dos danos do Castelo do Castro de Montes, e só superado, pola fortaleza de Vilvestre, que acadou os cincuenta e sete mil maravedís e os das torres e Pontevedra, que foron os máis elevados, xa que sobrepasaron os seseta e cinco mil maravedís, o que nos indica que esta fortaleza sufriu un enorme deterioro e abandono, posiblemente xa dende os tempos do Patriarca, como algúns testigos parece que querían insinuar nas súas declaracións.

Non hai constancia de que estes arranxos (os da valoración de danos) se fixeran nin cal foi o resultado do arbitraxe. Acabamos de ver que a reparación da fortaleza de Outes segundo a tasación dos dous peritos, axudados polos testigos, (veciñós da bisbarra) ascendía a trinta e un mil douscentos oitenta e oito maravedís. Hai que ter en conta que tódalas fortalezas precisaban reparacións, unhas máis ca outras, pero ningunha quedara a salvo. Cando remataron os dous peritos de tasalas, e presentaron na cidade de Salamanca as valoracións diante do notario, que foi o día 11 de outubro de 1526, o monto total ascendía a 265.681 maravedís, dos que 171.322 correspondían ós tempos do Patriarca; 84.149 ó tempo en que a Arquidiócese de Santiago estivera rexida por D. Alonso III de Fonseca e os restantes 10.210 maravedís, ó tempo de monseñor Tabera, actual mitrado compostelán.

Posiblemente, despois de escoitar ós testigos, o arcebispo de Toledo, pouco máis pagou, se pagou algo do que prometera, -porque non consta- e o máis provable sería que non o pagara, xa que no primeiro Concilio de Alcalá, o 28 de xaneiro de 1534, (oito anos despois do proceso) onde Fonseca III se reafirma no que el sempre mantivo, tanto antes coma durante o proceso: “...cremos certamente que tanto o Sr. Patriarca coma nós, non temos obriga de cousa algunha con relación ós danos das fortalezas, por moitas razóns, xa alegadas no proceso desa causa... polo que temos a conciencia tranquila, ...porque tanto a súa señoría coma nós, poideramos ter razón dos danos e reparos feitos nas referidas fortalezas... mandamos dous “contos” (2) de maravedís á Igrexa de Santiago e ó señor arcebispo, no meu nome, para que os gaste naquelas partes, lugares e fortalezas desa Santa Igrexa, (ou) onde mellor lle pareza e onde máis lle conveña... e pedimos que o señor cardeal arcebispo os reciba e teña por ben darse por satisfeito, cos devanditos dous contos de maravedís... e se esto non lle parecera suficiente que quede o seu dereito a salvo e (tamén) o de cada un das partes”. (3)

Non hai constancia tampouco, de que eses “dous contos” de maravedís, que prometeu o Arcebispo de Toledo en Alcalá, chegaran algún día a Santiago, dada a enorme cantidade de cartos que esto supoñía e o clarísimo convencemento de que el non estaba “obrigado a cousa algunha sobre eses danos”, como dixo no seu discurso. Máis ben parece que se trata dunha fina ironía, propia dun galego, tan intelixente coma o Cardeal Fonseca.

O día 4 de febreiro de 1534 morría en Toledo, D. Alonso de Fonseca e Ulloa.

Foi proposto para ocupar a mitra primada de España, o cardeal arcebispo de Santiatiago, D. Xoán Tabera.

Este nomeamento púxolle fin ás liortas e pleitos que poideran existir sobre o asunto dos pagos e a quen lles correspondía facérse cargo dos danos sufridos nas fortalezas que pertencían á mitra compostelá.

¡A mitra de Toledo, ben pagaba un pleito!.

Pero gracias a este pleito, somos capaces de achegarnos, no día de hoxe, aínda que sexa de xeito meramente conceptual, ó castelo de Outes e adentrarnos na persoalidade dun dos homes máis fascinantes da época que andivo guerreando, roubando e extorsinando por estas terras: Garçía Martínez de Barbeira, amigo incondicional dos seus amigos, entre os que estaba o conde de Andrade e inimigo acérrimo dos inimigos, entre os que se contaban Estebo de Xunqueiras e o Patriarca de Alexandría.


Non hai constancia, ó contrario do que sucede noutras fortalezas, como xa se dixo, que na destrucción e deterioro do castelo de Outes, participaran as xentes das Irmandades, que se organizaban nas vilas e cidades, que guidados polos alcaldes e cuadrilleiros, derrocaban as fortalezas, tanto da nobreza como da mitra. O deterioro da casa e da fortaleza de Outes, parecen máis ben, que unha parte, -a que corresponde á torre pequena de dous sobrados- xa estaba deteriorada cando Garçía Martínez de Barbeira edificou a torre redonda, e esta, posiblemente sufrira danos cando a conquistou e lla entregou ó Patriarca, Estebo de Xunqueiras.
No tempo en que se celebrou o xuizo, o castelo de Outes, polo que din os testigos, parece que estaba completamente abandoado e cun importante deterioro.

Este deterioro foi en aumento a traveso dos séculos porque non hai constancia de que se fixera nel algún tipo de restauración, ó contrario do que sucedeu noutras fortalezas como poden ser o castelo do Castro de Montes, a torre da Barreira, as torres do Oeste ou a fortaleza do Monte Sacro, ... que foron restauradas pola mitra compostelá, aínda que non do mesmo xeito que estaban orixinariamente.

A maioría das restauracións e as máis importantes fixéronse nos tempos do Patriarca de Alexandría e de Fonseca III, onde seguiron residindo os alcaides que tiñan tamén o cargo de xuices ordinarios, ós que se lles daba o título de meiriños. A maioría destas fortalezas restauradas non foron habitadas moito máis alá de cen anos, despois do derrocamento realizado polos Irmandiños, pois o cardeal D. Xerónimo del Hoyo, visitador do Arcebispo D. Maximiliano de Austria no ano 1607, danos conta de varias desas fortalezas e cando se refire a elas, sempre dí, que eran da “dignidade arcebispal” pero que estaban mal reparadas ou que tiñan outros estragos, coma un incendio, no caso do castelo do Castro de Montes. Del Hoyo, ó referirse á parroquia de San Pedro de Outes, como caso excepcional, non fai ninguha alusión a este castelo.

O castelo de Outes non correu mellor sorte cas demais fortalezas pertencentes á mitra. Unha vez abandoado, o tempo foi facendo todo o necesario para que as paredes se foran esborrallando, o que propiciou que todas esas pedras se converteran nunha avezada canteira para ós veciños, o que ocasionou que de toda unha impresionante construcción de granito, só quedasen unhas cantas paredes, que se nos fixamos nas que permañecen, temos que concluir que son as de máis dificil acceso ou as que teñen maior dificultade para sacalas do sitio.







(1) Pleito Tabera-Fonseca. Rodríguez González, A. Paxs.581-582. Fls. 5-5 vº.
(2) “Conto”: Cantidade monetaria, equivalente a un millón.
(3) Rodríguez González, A. Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños. Prólogo. Pax. IX.

No hay comentarios: